Limpezas Salgado, Entrelampo e E.nova Enerxía, gañadoras da edición 2023 dos Premios Manuel Beiras

Limpezas Salgado, Entrelampo e E.nova Enerxía foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXIV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou baixo o lema "En galego, naturalmente". Recibiron esta tarde os galardóns nunha gala celebrada no Teatro Principal e presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.

Limpezas Salgado foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. Na súa decisión, o xurado tivo en conta a súa "inquedanza cultural" e que sexa unha empresa "moi implantada en Compostela que ofrece os seus servizos a outras empresas, administrativas e particulares". Valorouse especialmente que "o amplo espectro da súa interacción fai que o galego estea presente, nun contexto non sempre favorable, a través do persoal que a propia empresa forma en galego".

Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Entrelampo, "unha iniciativa cooperativa que introduce a responsabilidade social como valor de base", da que se valorou o seu labor levando "o produto de proximidade ao mercado, cunha coidada comunicación de marca, desde o rural compostelán á vez que visibiliza e xera emprego para as persoas con problemas de saúde mental".

Finalmente, a categoría de comunicación innovadora foi para E.nova Enerxía, "unha empresa con asentamento e capital galego que amosa a súa sensibilidade lingüística nun sector dinámico e en crecemento, mais habitualmente alleo ao noso idioma", segundo a valoración. O xurado quixo recoñecer o esforzo da empresa en "aplicar a intelixencia comunicativa e apostar por un uso coherente e integral, na documentación interna e en todo o servizo á clientela.

Durante a súa intervención, Goretti Sanmartín agradeceu a todas as empresas a súa participación e das tres premiadas salientou a súa "responsabilidade social, que conecta estes tres proxectos, un vínculo que establecen coa comunidade en que operan e que lles fornece persoal e a clientela. As tres entenden, desde as súas peculiaridades, que usar a lingua natural da comunidade en que se asentan é tamén parte desa responsabilidade social".

Destacou tamén o labor do xurado, "que non o ten fácil cada ano porque a nómina de candidaturas é ampla e de moito interese" e "cada ano ten que seleccionar tres, e só tres -aí está a dificultade-, proxectos empresariais que confirman a vitalidade da lingua, que son exemplos para seguir animando a implicación do sector co galego e que xa non só comunican en galego senón que o fan coidando os detalles, con creatividade, vinculando a lingua a outros valores, innovando ou chegando a novos espazos e a cada vez máis público".

A rexedora, que tamén tivo unha lembranza para Manuel Beiras, "unha das persoas ás que temos que agradecer que hoxe sigamos tendo boas colleitas para a lingua", fixo fincapé en que "quedou demostrado que é posible vender en galego, é máis, ficou claro que o galego vende. A nosa lingua suma moito e non resta nada e unha empresa que hoxe pretenda ter unha comunicación profesionalizada e coidada non pode obviala".

‘En galego, naturalmente’

‘En galego, naturalmente’ é o lema co que se presentan este ano os 'Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio', convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio. O slogan da campaña pretende pór en valor o uso da lingua galega nos establecementos locais como unha maneira de conectar coa clientela e achegar naturalidade e proximidade nun mercado cada vez máis global.

O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado este ano por Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Manuel Rial Amado, da Cámara de Santiago de Compostela, en calidade de presidente do xurado; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Ernesto Xosé González, da Universidade de Santiago de Composte; Xaquín Loredo Gutiérrez, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; David Lombao, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia; Rebeca Sánchez, de Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, e Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2022; e Xosé Barreiro Pío, por parte de KÓMIC, Premio Manuel Beiras ao uso continuado da lingua 2022.

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio colaboran desde o ano 2000 para lanzar unha convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación coa lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, a cultura e a lingua galega.

Imagen destacada: