Aberta a convocatoria dos Premios Manuel Beiras 2026

Incorporar a nosa lingua á actividade empresarial non só contribúe á normalizar o seu uso, senón que achega un valor diferencial que distingue os negocios e fortalece o vínculo coa clientela. O galego convértese así nunha ferramenta estratéxica de comunicación, confianza e proximidade coa xente.

Nesa aposta por incorporar o galego á actividade diaria, o Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan unha nova edición dos Premios Manuel Beiras, uns galardóns que desde o ano 2000 poñen en valor o compromiso do tecido empresarial coa lingua galega.

A convocatoria está aberta a todas as empresas con actividade ou presenza destacada en Santiago. As candidaturas poderán ser presentadas tanto polas propias empresas como por calquera outra persoa ou entidade, ao longo de todo o ano e ata uns días antes da deliberación do xurado. O prazo para presentar as candidaturas desta edición remata o 4 de decembro.

As propostas deben remitirse ao Departamento de Lingua do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio (informacion@camaracompostela.com). De ser posible,  acompañaranse dunha breve memoria sobre os usos lingüísticos da empresa.

Con esta iniciativa, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago buscan recoñecer as empresas que demostran día a día o seu compromiso coa lingua galega, e que co seu uso colaboran na distinción dela como sinal de identidade, de proximidade e de valor engadido.

 

Imagen destacada: